3-2 | O Senior mantén a boa dinámica cun resultado axustado
DOMINGO 14/12/2025 (16:00) Campo: MIGUEL ÁNGEL-OS REMEDIOS (100)
PABELLÓN CF: 3 – RAIO ALARICANO: 2 (2-1)
O Senior sumou unha importante vitoria este domingo tras impoñerse ao Raio Alaricano no encontro correspondente á 15ª xornada da Segunda Futgal, nun partido no que os branquiverdes foron superiores en ocasións pero tiveron que sufrir ata o asubío final ante un rival moi correoso e competitivo durante os noventa minutos.
O cadro local entrou mellor no encontro e pronto atopou premio. Mario inaugurou o marcador cun bo disparo cruzado, culminando unha das primeiras chegadas con perigo dos de Toño Sanmartín. Porén, o Raio Alaricano non lle perdeu a cara ao partido e conseguiu restablecer a igualdade cun bo gol de Yoel. Lonxe de acusar o golpe, o Pabellón volveu coller vantaxe antes do descanso grazas a un gol olímpico de Raúl cando se achegaba a media hora de xogo, chegando ao intermedio cun marcador favorable de 2-1.
Tras o paso polos vestiarios, o encontro púxose aínda máis de cara para os locais. Numan ampliou a renda apenas seis minutos despois da reanudación, culminando unha boa acción ofensiva e colocando o 3-1 no electrónico. A partir dese momento, o Pabellón dispuxo de varias ocasións claras para sentenciar o choque, pero a falta de acerto mantivo con vida ao conxunto visitante.
Esa falta de sentenza acabaría pasando factura. A oito minutos do final, Iker transformou un penalti que puxo o 3-2 e deu paso a un tramo final cheo de intriga, con un Raio Alaricano envorcado na procura do empate e un Pabellón tentando pechar o partido á contra. Finalmente, o marcador xa non se movería.
Con este triunfo, os pabellonistas alcanzan os 24 puntos, sitúanse na 7ª posición da clasificación e encadean cinco xornadas consecutivas sen coñecer a derrota. A próxima cita, última do ano, levará ao Pabellón ao campo de O Teso, onde visitará ao Caldelao Inter Ribeira Sacra.
FICHA TÉCNICA
Pabellón CF: Anxo, Aldan, Miguel Ángel, Roberto, Mario, Jhonny Merlo, Raúl, Óscar (Cacha, m.69), Numan (Xoel, m.69), Moure (Bericat, m,.88) e Jhonny Nóvoa (Noli, m.30).
Raio Alaricano: Xenxo, Pablo, Yoel (Brais, m.43), Ethan, Diego, Miguel, Álex, Aram, Aitor, César (Rubén, m.62) e Iker.
Árbitro: Manuel Casanova Cudeiro (Comité Galego-Ourense).
Goles: 1-0, m.11: 1-1, m.24: Yoel. 2-1, m.28: Raúl. 3-1, m.51: Numan. 3-2, m.82: Iker, de penalti.