SEGUNDA FUTGAL

3-3 | Despois de poñerse feo, un punto para o Senior

DOMINGO 30/11/2025 (16:00)  Campo: MIGUEL ÁNGEL-OS REMEDIOS (150)

PABELLÓN CF: 3 – CD ARENTEIRO B: 3 (2-2)

O equipo Senior asinou un empate de moitos matices fronte ao Arenteiro B nun duelo de alternativas correspondente á 13ª xornada da Segunda Futgal. Un choque que comezou torcido para os branquiverdes, que reaccionaron con carácter, e que acabou converténdose nun intercambio de golpes até o asubío final.

O conxunto carballiñés saíu máis enchufado e en apenas dez minutos xa mandaba 0-2 grazas aos tantos de Alberto e Álex, que castigaron as dúbidas defensivas locais no arranque. Pero o Pabellón respondeu con determinación. Nun intervalo de dous minutos, Sergio e Raúl devolveron a igualdade antes da media hora, culminando unha reacción que mesmo puido acabar en remontada. Aldán tivo o terceiro nun cabezazo que se estrelou no poste. Ao descanso, 2-2 e todo por decidir.

A segunda metade comezou cun Arenteiro B novamente máis firme, adueñándose do balón ante un Pabellón ao que lle custou atopar fluidez. Froito desa superioridade, Mejuto fixo o 2-3 de cabeza á saída dun saque de esquina cando se cumpría o cuarto de hora.

Sergio remata un balón que se foi fóra por pouco

Toño Sanmartín moveu o banco e os cambios deron maior profundidade e velocidade, empurrando aos locais cara á área visitante. O premio chegaría nunha acción embarullada que Rober aproveitou para fusilar e asinar o 3-3 cando restaban dez minutos.

O treito final mantivo o encontro aberto, co Pabellón buscando o cuarto pero tamén sufrindo nalgunhas contras e accións a balón parado do Arenteiro B que xeraron inquedanza. A ocasión máis clara estivo en pés de Óscar, tras unha potente galopada pola esquerda cuxo remate conseguiu desviar o gardameta visitante.

O empate deixa ao Pabellón con 20 puntos e cunha dinámica positiva de tres xornadas consecutivas sumando. Na próxima xornada tocará visitar ao Rúa en terras valdeorresas.

Os capitán de ambos equipos, Sergio (Pabellón) e Óscar (Arenteiro B) co colexiado Queija Domínguez

FICHA TÉCNICA

Pabellón CF: Anxo, Rober, Miguel Ángel (Luis, m.41), Pede, Mario (Óscar, m.74), Sergio, Raúl (Guzmán, m.74), Noli, Aldán, Moure e Jhonny Nóvoa (Jhonny Merlo, m.61).

CD Arenteiro B: Óscar, Ismael, Aleixo, Mejuto (Guille, m.64), Diego, Álex (Cerdeira, m.75), Alberto, Tumani, Souleymane (IKer, m.33), Lorenzo e Robert.

Árbitro: Juan Francisco Queija Domínguez (Comité Galego-Ourense). Amonestou a Sergio (m.8), Noli (m.39) e Aldán (m.87) nos locais e nos visitantes a Iker (m.75).

Goles: 0-1, m.3: Alberto. 0-2, m.10: Álex. 1-2, m.22: Sergio. 2-2, m.24: Raúl. 2-3, m.59: Mejuto. 3-3, m.79: Rober.