SEGUNDA FUTGAL

2-1 | Tres puntos para o Senior no engadido

DOMINGO 16/11/2025 (16:00)  Campo: MIGUEL ÁNGEL-OS REMEDIOS (150)

PABELLÓN CF: 2 – CD MOREIRAS: 1 (1-0)

O Senior regresou á senda da vitoria ao impoñerse ao Moreiras no Miguel Ángel, nun encontro correspondente á undécima xornada da Segunda Futgal. Os blanquiverdes, que chegaban coa necesidade de poñer fin a unha serie de tres partidos sen gañar, acadaron un importante triunfo.

A primeira metade desenvolveuse con dominio alterno, aínda que as ocasións máis claras levaron a sinatura dos locais. Froito desa mellor posta en escena, Moure adiantou ao Pabellón aos vinte e cinco minutos cun remate certeiro que fixo xustiza ao visto ata entón.

Pola súa banda, o Moreiras, arroupado na bancada por un numeroso e ruidoso grupo de seareiros, apenas conseguiu inquietar a portería defendida por Anxo, polo que o descanso chegaba cunha merecida renda mínima para os locais.

Pede anotou o gol da vitoria local no tempo engadido

Tras o paso polos vestiarios, os visitantes deron un paso adiante e acadaron o empate nun remate de Noel despois dun saque de esquina. A partir de aí, o duelo entrou nunha fase de máxima intensidade, con máis emoción e loita que ocasións claras de gol.

Cando o reparto de puntos semellaba inevitable, apareceu Pede no tempo engadido para conectar un cabezazo decisivo, tamén tras un córner, e establecer o definitivo 2-1.

Con este triunfo, o Pabellón suma xa 16 puntos e colle aire na táboa clasificatoria. Na próxima xornada visitará ao Seixalbo no campo de O Carqueixal.

Os capitáns de ambos equipos, Sergio (Pabellón) e Christopher (Moreiras) co colexiado Brais Carballo

FICHA TÉCNICA

Pabellón CF: Anxo, Rober, Luis, Pede, Aldán, Sergio, Noli (Miguel Ángel, m.89), Raúl, Numan (Óscar, m.79), Moure e Jhonny Nóvoa (Guzmán, m.67).

CD Moreiras: Marcos, David, Borja (Julio, m.73), Xurxo, Noel, Christopher (Rafael, m.63), José Luis, Aitor, Quintairos, Pablo (Joel, m.10) e Saúl.

Árbitro: Brais Carballo Alfonso (Comité Galego-Ourense). Amonestou a Pede (m.50), Sergio (m.80) e Aldán (m.85) nos locais e a Aitor (m.28) nos visitantes.

Goles: 1-0, m.25: Moure. 1-1, m.56: Noel. 2-1, m.90+4: Pede.