Previa | O Xuvenil A visita a un Boiro en forma
CD Boiro - Pabellón CF (Valiño-Cabo de Cruz; sábado 22, 16:30 horas):
O Pabellón afronta este sábado unha esixente saída ao campo de Valiño e Cabo de Cruz para medirse ao Boiro na duodécima xornada da Liga Nacional Xuvenil. O conxunto boirense, recentemente ascendido á categoría, está a asinar unha notable campaña e chega a esta cita en plena dinámica positiva.
O Boiro acumula 17 puntos e ocupa a 9ª posición, impulsado por tres vitorias consecutivas que lle deron firmeza na táboa. Como local sumou 7 puntos, froito de dúas vitorias, un empate e dúas derrotas, con 9 goles a favor e 16 en contra.
Pola súa banda, o Pabellón, tamén con 17 puntos, afronta o encontro logo de vencer na pasada xornada no Miguel Ángel. Fóra da casa, o cadro ourensán mantén unha liña sólida nas últimas tres saídas, nas que non coñece a derrota tras colleitar un triunfo e dous empates.
Os pabellonistas viaxan coa intención de sumar algo positivo nun campo sempre complicado, fronte a un rival que chega lanzado pero ante o que o Pabellón intentará manter a súa boa dinámica a domicilio.
O adestrador Rubén García, que mantén as baixas habituais das últimas semanas, ten a dúbida do meta Roberto por un golpe nun dedo nunha man.
Brais García Iglesias, asistido nas bandas por Gómez Castaño e Álvarez Castro, do Colexio de Santiago, serán os encargados da arbitraxe. Pinchando no seguinte enlace pódense ver os partidos e horarios correspondentes á XORNADA 12.