LIGA NACIONAL XUVENIL

Previa | O Xuvenil A, a por tres puntos necesarios

Pabellón CF - CD Boiro (Miguel Ángel-Os Remedios; domingo 12, 12:00 horas):

O Xuvenil A afronta este fin de semana un partido de máxima transcendencia na 29ª xornada da Liga Nacional Xuvenil coa visita do Boiro, nun duelo directo que pode marcar o rumbo da loita pola permanencia.

O conxunto branquiverde, que suma 30 puntos, mide forzas cun rival inmediato na clasificación, un Boiro que conta con 33 puntos, só tres máis, o que converte o encontro nunha oportunidade clave para recortar diferenzas e gañar terreo na táboa. Ademais, o contexto clasificatorio está condicionado polos posibles arrastres desde a División de Honra, polo que cada punto resulta vital nesta fase do campionato.

O cadro boirense chega a esta cita nun bo momento de forma, tras encadear tres partidos consecutivos sen coñecer a derrota, e cun rendemento a domicilio de catro vitorias, dous empates e sete derrotas, nos que anotou 23 goles e encaixou 27. Uns números que reflicten un equipo competitivo, pero tamén vulnerable lonxe do seu feudo.

Pola súa banda, o Pabellón afronta o choque reforzado tras a importante vitoria lograda na xornada anterior ao parón de Semana Santa, un triunfo que permitiu elevar a moral do vestiario e encarar con maior confianza o tramo decisivo da tempada. No partido da primeira volta houbo empate a un tanto.

Rubén García non poderá contar para esta cita con Melguizo, David, Veiras, André e Iker Regueira e á espera do adestramento deste venres. 

A arbitraxe estará a cargo de Rubén Fernández Otero, asistido nas bandas por Sierra Fernández e Fernández Nóvoa, do Colexio de Ourense. Pinchando no seguinte enlace pódense ver os partidos e horarios da XORNADA 29.