LIGA NACIONAL XUVENIL

Previa | O Xuvenil A recupera xornada ante o Choco

Pabellón CF - CD Choco (Miguel Ángel-Os Remedios; xoves 19, 11:30 horas):

O Miguel Ángel acolle este xoves festivo o encontro aprazado correspondente á 19ª xornada da Liga Nacional Xuvenil, nun duelo de gran importancia para dous equipos con obxectivos ben distintos nesta recta final de tempada.

O rival será o Choco, que chega nun excelente momento de forma. Os choqueiros ocupan a terceira posición con 51 puntos, situados en praza de ascenso á División de Honra, categoría na que xa competían a pasada campaña. Ademais, o conxunto visitante amosa unha notable solvencia lonxe da súa casa, onde sumou 20 puntos tras seis vitorias, dous empates e catro derrotas, cun balance goleador totalmente equilibrado: 27 tantos a favor e 27 en contra. Como aval engadido, encadean tres triunfos consecutivos nas últimas xornadas.

Pola súa banda, o Pabellón afronta o choque desde a decimocuarta posición con 26 puntos, situado en postos de descenso polos arrastres da División de Honra. Con todo, os blanquiverdes chegan reforzados anímicamente tras o valioso empate en Abegondo ante o Deportivo B, unha mostra da súa capacidade competitiva ante rivais de entidade.

O gran debe dos ourensáns está a ser o seu rendemento como locais. O Miguel Ángel non está a ser o fortín esperado esta tempada, cun balance de catro vitorias en doce encontros disputados. Unha circunstancia que o equipo tratará de reverter nun partido no que os tres puntos son fundamentais.

Na primeira volta, o Pabellón lograra unha convincente vitoria (1-3 en Santa Mariña), pero o paso das xornadas mudou o contexto competitivo de ambos conxuntos, polo que se agarda un encontro moi esixente e aberto. Con todo en xogo, os blanquiverdes sairán decididos a ofrecer a súa mellor versión e tentar dar un paso clave na loita pola permanencia.

Rubén García non poderá contar por lesión con Álex Riveiro, Melguizo, David, Veiras, André e Gómez. Recupera a Guille, Tiago e Lucas.

A arbitraxe estará a cargo de Rubén Fernández Otero, asistido nas bandas por Guzmán Falcón e Oliveiros Fernández, do Colexio de Ourense.