Previa | O Xuvenil A mide a mellor versión do Arteixo
Pabellón CF - Atlético Arteixo (Miguel Ángel-Os Remedios; domingo 30, 12:00 horas):
O Pabellón recibe este sábado ao Atlético Arteixo nun duelo directo entre dous equipos que chegan en boa dinámica e que buscan seguir sumando puntos fundamentais no camiño cara aos seus obxectivos. A cita corresponde á xornada 13 da Liga Nacional Xuvenil.
O conxunto arteixán presenta uns números moi particulares: suma 13 puntos, dos cales 9 foron logrados a domicilio, unha estatística que evidencia o seu bo rendemento como visitante. De feito, nos seis partidos disputados no Ponte dos Brozos aínda non conseguiu gañar, mentres que fóra da casa acumula tres vitorias e un total de 17 goles anotados, o dobre dos conseguidos como local.
Con estas cifras, o Atlético Arteixo é o terceiro equipo máis goleador do grupo cando xoga fóra, polo que se presenta como un rival especialmente perigoso lonxe do seu campo. Ademais, chega a esta xornada despois de dúas datas sen perder, cun empate e unha vitoria.
Pola súa banda, o Pabellón encara este encontro con 18 puntos e tres semanas consecutivas sumando, mantendo unha liña de competitividade e solvencia que lle permite seguir afastándose dos postos de perigo. Os de Rubén García buscarán un triunfo diante da súa afección para continuar acumulando puntos de ouro na loita pola permanencia e consolidar as boas sensacións das últimas semanas.
O técnico local Rubén García, segue vendo como xornada tras xornada a enfermería branquiverde mantén un alto número de inquilinos. As baixas habituais de Álex Riveiro, Maikel, Gómez, Samuel Villar, Iker Regueira e Samuel Ferraz, esta semana uniuse Lucas. Con respecto á pasada fin de semana recupera a Melguizo e Roberto.
A arbitraxe correrá a cargo de Manuel Casanova Cudeiro, asistido nas bandas por Cerreda Ferrón e Rúa Álvarez, do Colexio de Ourense. Pinchando no seguinte enlace pódense ver os partidos e horarios correspondentes á XORNADA 13.