Previa | Moitísimo en xogo para o Xuvenil A
Pabellón CF - Bertamiráns FC (Miguel Ángel-Os Remedios; domingo 22, 12:00 horas):
Despois da xornada de recuperación con Choco en blanco, o Xuvenil A afronta este domingo no Miguel Ángel unha auténtica final ante o Bertamiráns, nun encontro correspondente á 27ª xornada da Liga Nacional Xuvenil, no que os blanquiverdes están obrigados a gañar para manter vivas as súas opcións de permanencia.
A situación clasificatoria non deixa lugar a dúbidas. O conxunto ourensán, actualmente decimoquinto con 26 puntos, atópase a tres puntos da zona de salvación cando restan oito xornadas para o remate da competición. Un escenario especialmente esixente debido a que a categoría apunta a sufrir ata seis descensos: catro por arrastre desde División de Honra, máis os dous directos.
Boa parte desta delicada situación explícase polos resultados como local. O Pabellón acumulou nove derrotas no Miguel Ángel, un lastre que o equipo tratará de corrixir nun partido no que só vale sumar os tres puntos.
Enfronte estará un Bertamiráns que chega cunha dinámica claramente ascendente. Con 30 puntos no seu haber, o cadro visitante conseguiu afastarse dos postos de perigo tras pasar boa parte da tempada na zona baixa, aínda que sen poder relaxarse ante a presión dos equipos que veñen por detrás. Lonxe do seu campo, os de Ames presentan un balance de tres vitorias, tres empates e seis derrotas, con dezaseis goles a favor e trinta e dous en contra.
Con todo, o contexto fai prever un duelo de máxima tensión competitiva, no que o Pabellón xogará máis ca tres puntos: xógase seguir crendo na permanencia nunha categoría cada vez máis esixente. Para o técnico Rubén García non estarán dispoñibles Álex Riveiro, Melguizo, David, Veiras, André, Gómez e á espera do adestramento deste venres.
A arbitraxe estará a cargo de Manuel Casanova Cudeiro, asistido nas bandas por Cerreda Ferrón e Pintos Fernández, do Colexio de Ourense. Pinchando no seguinte enlace pódense ver os partidos e horarios da XORNADA 27.