LIGA NACIONAL XUVENIL

Previa | Dura proba para o Xuvenil A

Pabellón CF - CD Choco (Miguel Ángel-Os Remedios; sábado 24, 16:00 horas):

O Xuvenil A recibe este sábado ao CD Choco nun dos encontros máis atractivos da xornada dezaoito da Liga Nacional, unha cita esixente para o conxunto branquiverde diante dun dos equipos máis sólidos da categoría.

O CD Choco chega a Ourense instalado na terceira posición da táboa con 38 puntos, ocupando actualmente a primeira das dúas prazas de ascenso á División de Honor. O cadro redondelán está a amosar unha notable regularidade ao longo do campionato e tamén lonxe do seu feudo, onde presenta uns números de catro vitorias, un empate e tres derrotas, cun balance equilibrado de dezasete goles marcados e dezasete encaixados.

Ademais, os choqueiros atravesan un bo momento de forma, cunha racha de catro xornadas sen perder, coroada cun empate en Santa Mariña ante o líder Celta, que ata ese momento contaba os seus partidos por vitorias, un resultado que evidencia o potencial do rival.

Pola súa banda, o Pabellón afronta o encontro tras sumar unha igualada no derbi de Coles, un resultado que lle permitiu manterse na oitava posición con 22 puntos. Os blanquiverdes encaran esta segunda volta do campionato coa intención, como mínimo, de igualar os rexistros da primeira metade da liga, sabedores de que cada punto será clave para manterse na zona media da clasificación. Nesta xornada, porén, o desafío será máximo diante dun adversario que busca o ascenso.

Como antecedente destacado, cabe lembrar que o Pabellón foi o único equipo capaz de gañar no campo do Choco no que vai de tempada, un triunfo acadado na segunda xornada de liga, cando os redondeláns aínda estaban en pleno proceso de configuración. 

Para este partido o adestrador Rubén García non poderá contar con Maikel, Samuel Villar, Lucas, Jesús, Álex Riveiro e o sancionado Melguizo.

O trio arbitral estará composto por Manuel Casanova Cudeiro, asistido nas bandas por Guzmán Falcón Pérez Casares, do Colexio de Ourense. Pinchando no seguinte enlace pódense ver os partidos e horarios correspondentes á XORNADA 19.