Previa | Duelo esixente para o Senior no Carqueixal
CD Seixalbo - Pabellón CF (O Carqueixal; domingo 23, 16:15 horas):
O Senior afrontará este domingo a duodécima xornada da Segunda Futgal cun complicado desprazamento ao campo de O Carqueixal, onde o agarda un Seixalbo que chega situado no terceiro posto da táboa, en plena zona de promoción de ascenso, e con 24 puntos no seu haber. O conxunto local tenta recuperar a categoría perdida o pasado curso e está a construír a súa candidatura desde a solidez como anfitrión.
O Seixalbo é un equipo especialmente forte no seu feudo, onde nos cinco encontros disputados só cedeu dúas igualadas, sumando 11 puntos de 15 posibles. Ademais, presenta uns números moi sólidos: 10 goles a favor e só 2 en contra en O Carqueixal, un campo de terra e dimensións reducidas que condiciona notablemente o estilo de xogo. Chega a esta cita tras empatar na última aparición como local ante o sempre competitivo Piñeira Seca, e despois de asinar un importante triunfo a domicilio fronte ao Cenlle.
Pola súa parte, o Pabellón chega situado na novena posición con 16 puntos, reforzado anímicamente pola vitoria da pasada xornada e coa intención de prolongar as boas sensacións. Porén, se quere obter un resultado positivo deberá adaptarse ás esixencias dun choque moi particular, marcado pola superficie de terra, o intenso fútbol de contacto, as continuas segundas xogadas e o protagonismo do xogo aéreo, elementos que os locais dominan con notable eficacia.
Co desafío por diante, os blanquiverdes buscarán mostrar a súa mellor versión para competir nun dos escenarios máis difíciles da categoría e tentar regresar con puntos dun campo onde moi poucos equipos foron capaces de facelo.
Por diferentes situacións nos pabellonistas non estar Xoel e Rubén, lesionados, Changui e Enrique, ao tempo que Mario é dúbida tras lesionarse o pasado venres e caerse da cita co Moreiras. Con respecto á pasada semana recupera a Jhonny Merlo.
Miguel Quintas García é o árbitro designado para dirixir o partido. Pinchando no seguinte enlace pódense ver os partidos e horarios da XORNADA 12.