Vilagarcía acolleu a 2ª xornada de "A Nosa Champions Fútbol"
O Campo Municipal de Berdón en Vilagarcía de Arousa acolleou a segunda xornada de “A Nosa Champions Fútbol”, unha proposta de carácter integrador impulsada pola Real Federación Galega de Fútbol que contou coa participación de doce equipos, catro máis que na primeira xornada celebrada en Ourense.
Esta iniciativa, dirixida ao colectivo DI (persoas con discapacidade intelectual), naceu a pasada tempada na modalidade de fútbol 7 e ten como principal finalidade favorecer a inclusión e a normalización da práctica deportiva a través dun proxecto con forte compoñente social.
Trátase dunha competición sen carácter competitivo, pensada para promover a participación e reivindicar que o fútbol é un espazo aberto a todas as persoas, sen excepción.
O noso representante, o Pabellón Inclusivo, levou a cabo unha excelente participación con vitorias sobre Racing Villalbés, Ortigueira FC, Racing de Ferrol, sendo primeiros do seu grupo. Óscar Sánchez sacou a relucir o seu instinto goleador anotando oito goles. Aitor (3), Dani Fernández, Dani Vázquez e Adrián completaron o resto de dianas.
Ao termo desta segunda xornada da segunda edición de "A Nosa Champions Fútbol" procedeuse á entrega de medallas a todos os equipos participantes. Na mesma participaron o presidente da Comisión Xestora da RFGF, Pablo Prieto; o presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Luis López; e o concelleiro de Deportes de Vilagarcía, Carlos Coira.
O famoso Xabarín do Xabarín Club da TVG tamén quixo sumarse á festa e estivo presente nesta segunda xornada da competición. Todos os equipos participantes nesta segunda xornada de "A Nosa Champions Fútbol" recibiron o carné de honra do Xabarín Club.
Fotos: futgal.es