LIGA NACIONAL XUVENIL

2-1 | O Xuvenil A cae con honra na casa do líder

SÁBADO 10/01/2026 (12:30)  Campo: A MADROA (200)

RC CELTA : 2 – PABELLÓN CF : 1 (1-0) 

O Xuvenil A caeu na súa visita ao Celta B nun encontro correspondente á primeira xornada do ano e última da primeira volta da Liga Nacional Xuvenil, resolto por pequenos detalles e condicionado polas adversidades no treito final.

A primeira metade estivo moi equilibrada. O conxunto celeste apenas xerou perigo máis alá do gol nun disparo desde fóra da área de Diego, que lle permitiu marchar por diante no marcador. Pola súa banda, o Pabellón mostrou personalidade e dispuxo de dúas ocasións moi claras por medio de Veiras, que puideron cambiar o signo do encontro antes do descanso.

Tras o paso polos vestiarios, os ourensáns saíron moi ben ao terreo de xogo, dominando o ritmo e encerrando ao rival no seu campo, que apenas conseguía saír coa pelota controlada. Porén, nun balón longo chegou un penalti evitable, que supuxo o segundo gol do Celta B, transformado polo expabellonista Dani Ruiz, e un duro golpe no mellor momento do Pabellón.

A pesar diso, o equipo non se rendeu e tivo o empate nunha acción clarísima de Iker Regueira, que tras regatear ao porteiro rematou a porta baleira, pero un defensa celeste salvou o gol sobre a mesma liña.

Os de Rubén García rematan a primeira volta con 21 puntos

O partido complicouse aínda máis cando, xa realizados todos os cambios, lesionouse Melguizo, deixando ao Pabellón con dez futbolistas e outro máis visiblemente mermado fisicamente. Nese contexto, o Celta B contou con tres ocasións moi claras para sentenciar o encontro.

Non faltou tampouco a polémica. Iker Regueira quedou só diante do porteiro e foi agarrado e derrubado por detrás por un central, sen que o colexiado sinalase penalti. Xa no desconto, o Pabellón atopou recompensa á súa insistencia e recortou distancias nun saque de esquina no minuto 90, xusto antes do asubío final.

Derrota axustada para os branquiverdes, que pechan a primeira volta deixando unha boa imaxe ante o líder e demostrando competitividade, carácter e capacidade para loitar ata o último instante nun escenario de máxima esixencia.

Na próxima xornada, que abre a segunda volta do campionato, o Pabellón visita á UD Ourense no campo de Albán en Coles.

FICHA TÉCNICA

RC Celta B: Lucas, Jaime, Pablo Pérez (NIco Besada, m.73), Pablo Rodríguez, Iker, Dani Ruiz (Hugo Leira, m.80), Diego, Hugo, Mateo (Iker Paz, m.63), Iván Villarino (Hugo Cotelo, m.63) e David Sueiro (Izan Pastoriza, m.73).

Pabellón CF: Roberto, Iván (David, m.69), Tiago Barbosa, André, Bruno (Samu Ferraz, m.57), Guille, Melguizo, Tiago Cerdeiro (Hugo Oliva, m.69), Lucas, Nico (Jesús, m.63) e Veiras (Iker Regueira, m.46).

Árbitro: Darío Costas Rodal, asistido nas bandas por Medina Espeso e Gonçalves Ubeira (Comité Galego-Vigo). Amonestaron a Melguizo (m.86) nos visitantes.

Goles: 1-0, m.8: Diego. 2-0, m.52: Dani Ruiz, de penalti. 2-1, m.90: Melguizo.