LIGA NACIONAL XUVENIL

1-1 | O Xuvenil A volve a sumar a domicilio

SÁBADO 22/11/2025 (16:30)  Campo: VALIÑO-CABO DE CRUZ (150)

CD BOIRO: 1 – PABELLÓN CF: 1 (0-1) 

O Pabellón, nun partido no que competiu moi ben, sumou un valioso empate na súa visita ao campo de Valiño, onde igualou 1-1 fronte ao Boiro na duodécima xornada da Liga Nacional Xuvenil. O conxunto ourensán mantén así a súa boa dinámica como visitante e encadea xa catro desprazamentos consecutivos sen perder, situándose con 18 puntos na clasificación.

O Boiro, recentemente ascendido e que chegaba ao encontro lanzado tras tres vitorias consecutivas, presentaba un desafío de altura. Con todo, o equipo de Rubén García entrou con decisión ao partido e pronto asumiu o control das ocasións. A pesar da pronta lesión de Lucas, que tivo que abandonar o campo aos dezasete minutos, o Pabellón xerou ata catro claras oportunidades durante a primeira metade.

A recompensa ao bo xogo chegou pasada a media hora, cando Jesús foi derrubado dentro da área e o colexiado sinalou penalti. Nico non errou desde os once metros, poñendo o 0-1 cun disparo firme que adiantaba aos visitantes. Con ese resultado chegaríase ao descanso.

Nico foi o autor do gol pabellonista ao transformar un penalti

Tras o paso polos vestiarios, o primeiro achegamento perigoso do Boiro acabou no empate. Un disparo exterior sorprendeu ao gardameta cadete Clay, que debutaba na categoría, establecendo o 1-1.

O conxunto local complicou o seu partido coa expulsión de Lucas por dobre amarela, circunstancia que deu paso aos mellores minutos finais do Pabellón. Os ourensáns dispuxeron de ata tres ocasións claras para levar os tres puntos, pero a falta de acerto e algunhas intervencións do porteiro rival impediron o segundo tanto. Finalmente, o marcador non se moveu máis e o duelo concluíu en táboas.

Na próxima xornada, o Pabellón volverá ao Miguel Ángel, onde recibirá ao Atlético Arteixo nun novo compromiso importante para consolidar a súa boa liña de resultados.

FICHA TÉCNICA

CD Boiro: Manuel, Marcos, Ángel, Roi, Mateo (Roi, m.85), Noel (Guillermo, m.46), Muñiz (Mariño, m.85), Acha (David, m.89), Fernando (Raúl, m.46), Diego e Lucas.

Pabellón CF: Clay, Iván, Tiago Barbosa, André, Guille (Hugo Oliva, m.88), Ander, Tiago Cerdeiro, Lucas (Hugo Veiras, m.17), Mancebo (Gael, m.55), Nico (David, m.55) e Jesús (Bruno, m.,88). 

Árbitro:  Brais García Iglesias, asistido nas bandas por Gómez Castaño e Álvarez Castro (Comité Galego-Santiago). Amonestaron nos locais a Marcos (m.32), Ángel (m.49) e expulsaron dobre cartón amarelo a Lucas (m.77). Nos visitantes Mancebo (m.21) e Iván (m.90) tamén foron amonestados. 

Goles: 0-1, m.32: Nico, de penalti. 1-1, m.65: Muñiz.