El tiempo
martes. 16.04.2024
El tiempo

Fútbol 8 / Bo balance dos nosos

Soamente se rexistraron dúas derrotas nos nove partidos disputados

Soamente se rexistraron dúas derrotas nos nove partidos disputados

Reparto de puntos (1-1) nos Remedios no Play Off da 1ª Autonómica Alevín na cita entre Pabellón e UD Ourense. Os locatarios fixeron unha boa primeira metade con varias ocasións de gol -tres balóns á madeira en todo o partido- diante dun rival agazapado na súa parcela. Cun tanto de Adán os nosos marcharíanse ao descanso con vantaxe. Na segunda metade os visitantes estiraron liñas cun toma e daca de ocasións ata que os unionistas establecerían o empate cunha falta directa.

No Torneo Ourense Alevín o Pabellón Promesas desfacíase do Bosco (4-0) nos Remedios nun partido que resolverían con dous tantos en cada tempo. Hugo, Manuel, Miguel Cantón e José foron os goleadores. O equipo suma un pleno de triunfos neste torneo.

O Pabellón "B" da 2ª Autonómica Alevín tivo que sufrir no Miraflores (2-3) na visita á ED Ourense "B" dentro do Play Off. Na primeira metade mandarían os locatarios, que se foron ao descanso con dous goles de vantaxe. Nos últimos dez minutos da segunda parte remontarían os branquiverdes cos tantos de Iker, Mateo Amorín e Hugo.

Máis o tivo o Pabellón "C" no campo do Outeiro onde se impoñía ao Bande (2-6). Ao descanso os de Xabi Pereira tiñan moito camiño avanzado (0-4). A segunda metade estivo máis equilibrada, al menos no marcador. Anxo Cao, Iker, Iago, Breogán, Aitor e Kevin materializaron os goles.

O Pabellòn no Play Off 1ª Autonómica Benxamín tivo que esperar á segunda metade para marcar distancias diante do Barbadás (6-2) nunha cita na que os de Enrique Silva petaron tres balóns no pao. Pablo (2), Dani, Guille, Hugo e Iago foron os goleadores. 

No Play Off 2ª Autonómica Benxamín o Pabellón "B" solventaba con solvencia (0-9) a súa visita ao CD Rúa "B" no Aguillón. Os de Abel Afonso xa tiñan o choque encarrilado ao descanso (0-2) e na segunda metade as diferenzas no campo foron maiores. Nicolás (3), Gabriel (2), Yago, Adrián, Martín e Simón repartíronse os tantos.

En canto ao Torneo Ourense Benxamín o Pabellón Promesas "B" comezaría marcando nos Salesianos pero o Bosco "C" acabaría dándolle a volta ao partido na segunda metade despois de chegarse ao descanso con táboas (1-1). Mario e Aarón marcaron para os de José Salgado.

Un solitario gol de Carballo acabaría dándolle a vitoria (0-1) ao Pabellón no s Escolapios na visita ao Calasancio dentro do Play Off da 1ª Autonómica Prebenxamín. Aos de Manuel Doval foilles anulado un gol legal ao interpretar o colexiado que o balón petara no pao e non no muro que está detrás dunha portería.

Finalmente, no Torneo Ourense Prebenxamín o Pabellón Promesas tivo un dominio infructuoso diante dun Ribadavia Atlético resolutivo nas contras (1-4). Os de Peke están reñidos co gol. Nicolás fixo o tanto local.

Fútbol 8 / Bo balance dos nosos